Monday 13 de May de 2024

Mozos de Lousame promoven dous novos proxectos ao abeiro da Iniciativa Xove


‘Sitúate e Coñece’, da agrupación Flash-Back, e ‘Andaina de Emprendemento’, do grupo Taste Mate, son as dúas propostas que engloban preto dunha ducia de actividades para todos os públicos

O Concello de Lousame vén de presentar dous novos proxectos ao abeiro da Iniciativa Xove. Os grupos informais Flash-Back e Taste Mate son os encargados de ofertar entre esta semana e o próximo mes de setembro preto dunha ducia de actividades para todos os públicos e gustos. Rutas de sendeirismo teatralizadas, obradoiros ou exposicións centrarán parte das propostas. Todas as actividades son gratuítas e requiren inscrición previa.

A presentación das mesmas realizouse nunha rolda de prensa presidida pola concelleira de Xuventude de Lousame, María Regenjo, quen animou aos mozos a seguir desenvolvendo iniciativas deste tipo. A edil estivo acompañada por Adriana Castro e Vanesa Tubío, en representación de Taste Mate, e por Laura Saavedra e Raquel Lago, de Flash-Back.

No tocante aos programas, dende Flash-Back Lousame desenvolverán un total de cinco actividades no seu proxecto de Iniciativa Xove. A primeira delas terá lugar este xoves 27 de agosto na piscina municipal. Baixo o lema Actíva-te: Aquagym, esta sesión “ten como finalidades realizar exercicios de tonificación muscular con música e coreografías, e tamén promocionar o resto das actividades nun ambiente distentido e relaxado”, indicou Laura Saavedra na presentación.

O resto das propostas previstas desenvolveranse no mes de setembro. Así, e co título Móve-te: Camiño do Mercado, a agrupación Flash-Back ofrecerá o domingo 6 de setembro “unha ruta de sendeirismo con ambientación”. De feito, “a camiñata rematará cunha recreación dun antigo mercado, que contará con actuacións de cantares e bailes galegos”.
A terceira das iniciativas desenvolverase o venres 18 de setembro e relaciónase cun dos valores culturais e históricos más salientables do municipio. A proposta Recoñe-ce: exaltación do poboado mineiro de San Finx consistirá nunha “ruta polos sendeiros que unen as parroquias de Lousame e Vilacoba para chegar ás minas de San Finx, onde se ofrecerán actividades didácticas sobre o pasado histórico, patrimonial e industrial que rodean este poboado”, indicou a representante de Flash-Back Lousame.

A agrupación continuará o seu programa o sábado 19 de setembro coa actividade Oriénta-te, que se desenvolverá no Parque de San Lourenzo. Trátase dunha contrarreloxo na que os participantes deberán percorrer diversos enclaves orientados cun mapa.

Finalizará a Iniciativa Xove de Flash-Back Lousame cunha exposición de fotografías e vídeos das actividades desenvolvidas que se inaugurará o día 25 de setembro. As inscricións deberán realizarse a través do Facebook da agrupación (www.facebook.com/grupoflashbacklousame) ou no teléfono 634 701 135.

Obradoiros de emprendemento e ruta teatralizada
Pola súa banda, a agrupación Taste Mate centrarase na posta en marcha de tres talleres de emprendemento. “Queremos amosar á xente como poden sacar proveito dos recursos naturais que temos e, ao mesmo tempo, optimizalos”, indicou Vanesa Tubío.

Nos obradoiros, os asistentes poderán aprender a elaborar zumes, salsas e batidos 100% naturais, marmeladas ou iogures caseiros. As sesións desenvolveranse este venres 28 de agosto e os días 4 e 18 de setembro no local social de Cabanetán a partires das 20.00 horas. Ademais, ofrecerase outro obradoiro sobre nutrición deportiva e unha degustación dos produtos elaborados.

Completaranse as propostas cunha charla de emprendemento e alternativas de autoemprego o próximo 25 de setembro. O obxectivo é “informar aos veciños sobre as posibilidades existentes para a creación de microempresas e cooperativas centrándose na elaboración de produtos ecolóxicos”, indicou a representante de Taste Mate Lousame.

Deixando a produción ecolóxica a un lado, a Iniciativa Xove de Taste Mate Lousame tamén inclúe unha ruta de sendeirismo nocturna teatralizada e apta para todos os públicos. A cita será o sábado 26 de setembro no lugar de Merelle (na pista do paseo do río Vilar de Tállara e a Ponte de San Francisco, na estrada de Noia a Boiro) ás 21.00 horas. O percorrido, que contará con grandes sorpresas, ten unha extensión de 7 kilómetros e a dificultade é baixa. Durante a andaina os asistentes atoparán personaxes da Santa Compaña, polo que a diversión, os sustos e a posta en valor da tradición estarán garantizados.

As inscricións tanto para os obradoiros como para a ruta de sendeirismo nocturna deberán realizarse a través da páxina de Facebook do grupo Taste Mate Lousame, no teléfono 981 825 780 ou a través do e-mail grupotastemate@gmail.com.